QUE ESTÁS A BUSCAR?/

A QUEN SE DIRIXE O PROGRAMA?

InTalent UDC-Inditex é un programa dirixido a todos os doutores de calquera idade e parte do mundo que queiran desenvolver a súa actividade investigadora na Universidade da Coruña.

CANTAS PRAZAS SE OFERTAN NA SEGUNDA CONVOCATORIA DO PROGRAMA INTALENT?

A segunda convocatoria de InTalent promove a contratación en réxime de concorrencia competitiva de dous investigadores posdoutorais.

A QUE ÁREAS DE INVESTIGACIÓN DEBEN PERTENCER OS CANDIDATOS?

O obxectivo é apoiar proxectos de ciencia excelente independentemente da área de coñecemento destes, sen ningún tipo de exclusión, aínda que se terá en conta a adecuación do proxecto aos obxectivos da RIS3 en Galicia e ás áreas especialmente interesantes para a UDC pola súa proxección científica, polo seu carácter emerxente ou pola súa consideración de estratéxicas dentro da planificación actual da entidade.

CAL É A DURACIÓN DOS CONTRATOS?

Os contratos terán unha duración máxima de tres anos: dous anos iniciais con posibilidade dunha única prórroga dun ano. Esta prórroga será automática sempre que os investigadores o soliciten entre tres e seis meses antes da finalización do contrato inicial.

CAL É A RETRIBUCIÓN PARA O BENEFICIARIO?

O importe de cada contrato son 60.000 euros de retribución anual, incluíndo o salario bruto, os custos sociais da contratación e a indemnización final do contrato, o que supón unha retribución bruta para o seleccionado de aproximadamente 45.000 anuais.

QUE REQUISITOS DEBEN CUMPRIR AS PERSOAS SOLICITANTES?

Buscamos doutores con, polo menos, tres anos de experiencia posdoutoral e que realizasen estancias durante un mínimo de 24 meses en centros de I+D de países distintos a aquel onde obtivo o título de doutor/a.

CAL É O PRAZO DE SOLICITUDE?

O prazo de solicitude iníciase o 27 de xuño de 2017 ás 08:30 (UCT+1) e finaliza o 20 de setembro de 2017 ás 14:30 (UCT+1).

COMO PODO PRESENTAR A MIÑA SOLICITUDE?

A presentación de solicitudes realizarase exclusivamente polo procedemento habilitado na Sede Electrónica da UDC a través da seguinte ligazón: https://sede.udc.gal/applications/intalent2017.

As solicitudes que se presenten por un sistema distinto ao da sede electrónica resultarán excluídas.

ONDE PODO DESCARGAR OS MODELOS PARA PRESENTAR A SOLICITUDE?

Pode descargar os modelos de solicitude no apartado de “Convocatoria” da páxina web do programa InTalent e, en concreto, na ligazón: http://www.intalent.udc.es/convocatoria.

EN QUE IDIOMAS PODO PRESENTAR A SOLICITUDE?

A solicitude deberá redactarse en inglés, español ou galego, malia que se recomenda cubrir en inglés a memoria técnica.

CALES SON OS CRITERIOS DE AVALIACIÓN?

Os criterios de avaliación veñen especificados no apartado VIII da convocatoria e inclúen: a excelencia da traxectoria científica; a participación en actividade internacional; a capacidade da persoa candidata para liderar a súa liña de investigación e xerar novo coñecemento; e a proposta de proxecto presentada.

TEÑO POUCOS ANOS DE EXPERIENCIA POSDOUTORAL, PODO COMPETIR CON INVESTIGADORES SÉNIOR?

Si. Na convocatoria especifícase que todos os méritos se valorarán tendo en conta os anos transcorridos desde a obtención do grao de doutor/a da persoa solicitante, de modo que se avaliará tanto os logros alcanzados en función da súa experiencia, como a proxección da súa carreira investigadora e a súa capacidade para presentar futuras propostas exitosas a outras convocatorias competitivas nacionais e internacionais.

NESTES MOMENTOS NON PERTENZO Á UDC, NECESITO QUE A MIÑA SOLICITUDE ESTEA AVALADA POR ALGÚN GRUPO OU INVESTIGADOR DA UDC?

Non. Non é necesaria ningunha carta de aceptación, nin titor, nin vinculación ningunha cun grupo ou investigador da UDC. As persoas beneficiarias libremente poderán establecer as colaboracións que estimen oportunas cos grupos da UDC ou con investigadores doutras universidades. O único requisito é que desenvolvan o seu proxecto na UDC.

QUEN AVALÍA OS PROXECTOS?

A avaliación dos candidatos realizarase por unha comisión que estará presidida polo vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, e da que tamén formarán parte o adxunto a Investigación e adxunto a Transferencia da Vicerreitoría de Política Científica, Investigación e Transferencia; e tres investigadores de recoñecido prestixio nomeados polo citado vicerreitor. A Comisión Avaliadora estará asistida polo coordinador científico do programa InTalent, que actuará con voz pero sen voto.

SE RESULTO ELIXIDO, ESTOU OBRIGADO A PRESENTARME A TODAS AS CONVOCATORIAS NACIONAIS E INTERNACIONAIS DE CIENCIA EXCELENTE?

Non. A o que obriga o compromiso recollido na convocatoria é a concorrer durante o período do contrato ás convocatorias de ciencia excelente nacionais e internacionais, a través e de acordo coa UDC.

QUE PRAZO TEÑEN OS INVESTIGADORES SELECCIONADOS PARA INCORPORARSE Á UDC?

Os investigadores seleccionados deberán incorporarse á UDC nos trinta días posteriores á publicación definitiva da concesión. En casos excepcionais e debidamente acreditados, a persoa candidata seleccionada poderá solicitar ante o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia unha ampliación o prazo de incorporación ata un máximo de seis meses a contar desde o día seguinte ao da publicación da resolución de concesión.

ONDE PODO ATOPAR INFORMACIÓN SOBRE O PROGRAMA, A CONVOCATORIA E O MODELO DE SOLICITUDE?

Na páxina web de InTalent (www.intalent.udc.es) pode encontrar toda a información sobre este programa.

Ademais, no apartado de “Convocatoria” (http://www.intalent.udc.es/convocatoria) está o texto desta en inglés, español e galego e o modelo de solicitude da “Memoria técnica”.

A presentación de solicitudes realizarase exclusivamente polo procedemento habilitado na Sede Electrónica da UDC a través da seguinte ligazón: https://sede.udc.gal/applications/intalent2017.

SIGO A TER DÚBIDAS, COMO PODO SOLUCIONALAS?

Se ten algunha dúbida pode enviarnos un correo electrónico ao enderezo intalent@udc.es. Tamén pode contactar connosco por teléfono (+34 981 167 173) ou por skype, tras concretar unha cita previa a través de correo electrónico.