Jorge Ledo

Falamos con Jorge Ledo, InTalent 2017: “O Programa InTalent tivo un papel pioneiro dentro da cultura universitaria galega”

Jorge Ledo é licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade da Coruña, tras a súa licenciatura, completou a súa formación na Universitat Autònoma de Barcelona, na Universidade Complutense de Madrid, na Universidade Internacional Menéndez Pelayo e no Centre for Modern Thought (University of Aberdeen). Foi Visiting Assistant Professor na Universidade de Michigan (Ann Arbor, 2009–2011) e Assistant Professor na Universidade de Basilea (Suiza, 2011–2017). Aínda que orixinalmente a súa formación como investigador arranca da filoloxía hispánica e da literatura comparada, os seus intereses e o seu traballo foron derivando cara a historia do pensamento na cultura tardomedieval e renacentista europeas, en ámbitos como a historia da retórica e a poética, a historia da Reforma temperá, Erasmo e o erasmismo, a historia dos «heterodoxos» españois e a historia da filosofía.

Entrevistamos a Jorge Ledo, que se incorporou ao Programa InTalent UDC-Inditex para investigar na área de Humanidades da Universidade da Coruña.

1. En que momento da túa carreira chega o Programa InTalent? Que supuxo para ti este programa e como crees que pode influir no teu futuro como investigador?

O Programa InTalent tivo un papel pioneiro dentro da cultura universitaria galega en dous sentidos: en primeiro lugar, supón o investimento combinado de capital privado e infraestruturas públicas para apoiar a investigación e a captación de talento; en segundo lugar, adiantouse aos xestos do goberno actual que promete intentar recuperar (en algunha medida, ao menos) parte do talento perdido durante a crise económica que comezou en 2008 e facer atractiva a universidade española a investigadores estranxeiros. É xusto recoñecer o esforzo económico de Inditex e a iniciativa demostrada pola OTRI, o Reitorado e o Vicerreitorado de Investigación da UDC. Os coruñeses podemos sentirnos orgullosos de contar con grandes profesionais e xestores que apostan polo futuro e pola internacionalización da nosa Universidade. Aceptei este posto tras 17 anos fóra de A Coruña e 12 de España, con estancias prolongadas en Barcelona, Madrid, Reino Unido, Estados Unidos e Suiza, e para min supón poder voltar a casa coa posibilidade, e a capacidade, de desenvolver o tipo de investigación multidisciplinar para a que me formei.

A independencia que se me dou e a confianza que os responsables do programa depositaron en min fixo sentirme moi respaldado institucionalmente. Así mesmo, a calidez con que os membros da Facultade de Filoloxía me recibiron e a súa apertura a permitirme colaborar alá onde a miña formación poida ser útil  fixeron moi fácil a adaptación. Se as circunstancias profesionais son, como parece, as adecuadas, sentiríame moi honrado de poder desenvolver a miña carreira nesta Universidade unha vez o programa remate.

A independencia que se me dou e a confianza que os responsables do Programa InTalent depositaron en min fixo sentirme moi respaldado institucionalmente.

2. A túa formación e interese pola historia e a cultura renacentista e medieval levoute a vivir en diferentes países como Suiza ou Estados Unidos. Volver a casa estaba dentro dos teus plans?

Os meus intereses actuais no que se refiere á investigación son a suma das inquietudes surxidas nos lugares nos que me formei e traballei, un estudo concienzudo e sostido no tempo sobre fontes primarias e a miña vontade de adquirir as habilidades que creo que deberían definir a un especialista en estudos renacentistas. A miña maneira de abordar a investigación nútrese de varias disciplinas que contan con tradicións propias, con moi distintas metodoloxías de traballo, con confrontacións seculares (nalgúns casos) entre sí e que, sen embargo, se foron facendo cada vez máis permeables. Fóra do evidente sacrificio que supuxo no persoal e no familiar unha estancia tan larga no estranxeiro, son consciente do afortunado que fun: puiden formarme, ensinar e investigar en universidades entre as cen mellores do mundo e coñecer a grandísimos profesores e a especialistas do máximo nivel, moitos deles individuos excepcionais non só no intelectual, senón tamén no persoal.

Como a moitos colegas españois da miña xeración, supoño, pasóuseme pola mente a idea de volver a España máis dunha vez. Deixando de lado a escasez de prazas, que non deixa de ser algo circunstancial, e da falta dun sistema que centralice a oferta, as obxeccións máis frecuentes que me surxían ante a idea eran se tería a posibilidade de desenvolver a miña investigación nun ambiente estimulante e dinámico, cun salario razoable para o grado de preparación e o nivel de produción que se esixe e, máis importante aínda, se sería posible traballar dende unha institución española tal e como o facía dende o estranxeiro. Falando con total franqueza, se non fora polo que ofrece InTalent, costaríame moito máis dar o paso.

3. Que foi o que te motivou a presentarte ao Programa InTalent UDC-Inditex?

Hai varias respostas a esa pregunta. A máis persoal, e a máis importante para min,  é que a miña filla vive aquí e sen o Programa InTalent sería imposible vela medrar, axudala a medrar e medrar con ela. Aínda que quizáis surxiran outras ocasións de volver a España no futuro, sen este programa e sen o gran esforzo que hai detrás por facer as cousas ben, non me plantexaría aínda o retorno.

Cando digo que as cousas se fixeron ben, refírome tanto ás garantías de InTalent no que corresponde á obxetividade da selección de candidatos, como no interese do programa por potenciar o desenvolvemento de cualquera rama de investigación dentro da UDC. En primeiro lugar, o comité encargado de escoller aos candidatos está formado por expertos independentes e todas as disciplinas científicas contan coa mesma consideración. En segundo lugar, dáselle aos investigadores a posibilidade de incorporarse ao departamento que soliciten e á área que lles pareza máis oportuna, de maneira que o investigador sinte que o seu criterio, dentro do razoable, se respeta e se valora. En terceiro lugar, a resposta a que pode favorecer á institución a curto, medio e longo prazo non é unívoca e, aínda se o fose, deben considerarse variables importantes entre cada disciplina e, incluso, dentro de cada unha delas. Os responsables da área de investigación da UDC son moi conscientes de iso, así como das dinámicas particulares de distintos campos, algo nada común e que merece recoñecerse. En cuarto lugar, a maneira en que a OTRI en xeral, e os responsables de InTalent en particular, se volcan cos candidatos dende a súa elección, e, sobre todo, a partir da incorporación ao programa é exemplar non xa a nivel nacional, senón ao de cualquera dos mellores programas internacionais de captación de talento investigador.

Sen esta suma de factores, é moi improbable que presentase a miña candidatura e que, unha vez concedido o posto, descartase outras ofertas de traballo.

4. Fálanos do proxecto que vas a desenvolver na UDC, que resultados esperas acadar coa túa investigación?

Simplificándoo ao máximo, o meu proxecto de investigación consiste en estudar a forma en que se practicaba e se percibía a interacción entre os intelectuais do século XIV ao XVI. Dito doutra maneira, con que premisas debía contar a comunicación duns certos contidos para que estes foran considerados como certos ou irrefutables e con cales as ideas que dalgunha maneira desestabilizaban un conxunto de creencias xeralmente aceptadas. E, neste último caso, que factores eran determinantes para que algunhas se incorporaran ao ámbito do aceptable, cales ao ámbito do condenable e cales podían ser sometidas a debate. É dicir, a miña investigación móvese non só dentro da oposición entre o verdadeiro e o falso, senón en outras oposicións —aceptable, reprobable, herético; autorizado, probado; etc.— das cales a dinámica permítenos entender como se configuran varios fenómenos que conducen á modernidade en Europa: a liberdade de expresión, a tolerancia relixiosa, a noción de progreso, o criterio científico, etc.

A novidade do meu traballo reside en que intento demostrar que existían premisas comunicativas compartidas polos intelectuais da época e que estas foron elementos de lexitimación fundamental nestes procesos. É dicir, que ao contrario do que soe pensarse, houbo unhas «regras de xogo» comunicativas previas que permitiron que certas «desviacións» da ortodoxia puideran darse. Abordar o problema dende esta perspectiva permítenos tratar as grandes transformacións dos séculos XV e XVI saíndonos dunha sorte de causalidade histórica e complementar disciplinas como a historia social, a historia das mentalidades e a historia das relixións —por mencionar as principais— dende a historia da comunicación.

A dificultade do proxecto ven dada porque non contamos con edicións críticas de varios textos fundamentais para trazar esta historia en toda a súa complexidade e que, dada a súa extensión cronolóxica e a cantidade de fenómenos que se producen de maneira sincrónica, é preciso ir acotando e conectando varios procesos de maneira progresiva. Así, o que pretendo durante a duración do proxecto é abordar os orixes da liberdade de expresión, que no caso dos estudos renacentistas foi estudado de maneira bastante precaria.

5. Ficta eloquentia é o teu pequeno recuncho online, que foi o que te motivou a crearlo?

Ficta eloquentia sufriu varias transformacións desde que naceu, fai xa bastantes anos. En esencia, o que buscaba ao fundalo era facer que as miñas notas de investigación estuveran nun lugar indexado que me permitira búsquedas rápidas. Se ademáis podía ser útil a outras persoas interesadas en estudos medievais, renacentistas, nas relacións entre investigación en humanidades e Internet e novas tecnoloxías, etc., pensei entón, pois tanto mellor. Tiven a sorte de crear a páxina na época dourada dos blogs en español, nun tempo onde non existía a presenza actual das redes sociais, o que me permitiu establecer contacto e amizade con outros divulgadores tanto anglosaxóns como españois e latinoamericanos. Posteriormente, serviu de plataforma de distribución de información, programas, materiais, etc. aos meus estudantes, o que lle deu unha segunda vida ao sitio que nunca foi público. Actualmente mantéñense as entradas orixinais do blog, hai información actualizada sobre as miñas publicacións máis relevantes e non descarto que, nun futuro, volva a estar totalmente operativo, tal vez con algúns cambios en profundidade e cun enfoque máis colaborativo.

6. E, por último, tes en mente presentarte a algunha convocatoria ou proxecto nos próximos anos?

Incorporeime ao programa en agosto deste año. Dende entón, xa se enviou unha proposta para un proxecto a nivel nacional no que se establecería unha colaboración entre a UDC, a Universitat Autònoma de Barcelona e a Universitat Pompeu Fabra, e ao que se sumarían grandes especialistas de distintos centros de excelencia internacionais (Universidade da Sorbona, Universidade de Michigan, etc.). Este proxecto encargarase de analizar un campo pouco e mal estudado da historia doutrinal da península ibérica no século XVI. Se se concedera, non só beneficiaría a colaboración aos investigadores implicados e á UDC como tal, senón que permitiría que os nosos estudantes tiveran un abanico máis amplo de especialización do que ofrece agora mesmo a Facultade de Filoloxía da UDC. Neste momento, estou traballando para poder incorporar a miña investigación e a da UDC en redes de excelencia, algo que espero que dea froitos pronto, e intentando organizar actividades de transferencia entre a universidad e a cidade.

A miña intención é presentar un proxecto o ano que ven ao programa ERC Consolidator. Os obxectivos deste proxecto enmarcaranse dentro da investigación a longo prazo que comentei previamente.

 

Enlaces de interese:

Jorge Ledo

Programa Intalent UDC-Inditex

Ficta eloquentia