Unha universidade
moderna

Creada en 1989 cun enfoque innovador, a Universidade da Coruña aposta polo seu futuro a través do desenvolvemento dunha investigación internacional baseada na calidade e que contribúa ao avance cultural, social e económico da sociedade.

É unha institución moderna, innovadora e dinámica que está fortemente comprometida coa educación integral dos seus estudantes: á ampla e sólida oferta académica únenselle específicos programas culturais, de cooperación, igualdade, de lecer e deportivos, entre outros.

Estrutúrase en dous campus: o da Coruña e o de Ferrol, con diferentes titulacións en cada un deles, e radicados en dúas estupendas cidades á beira do mar.

A Universidade da Coruña considera prioritaria a súa internacionalización. A través dos diferentes programas internacionais ofertados impúlsase a mobilidade internacional da comunidade universitaria como experiencia académica, que se complementa coa crecente presenza de estudantes estranxeiros nos nosos campus universitarios. Máis de 500 estudantes e investigadores internacionais visitan anualmente a UDC, creando un ambiente internacional plural e aberto, enriquecido coa nosa cultura e a nosa lingua. Ademais, a UDC está inmersa no proceso de implantación dunha oferta estable de cursos e materias ofrecidos en inglés. Unha oferta plurilingüe que aumenta o atractivo da nosa universidade para os estudantes e profesores estranxeiros e supón un valor curricular engadido para os estudantes da UDC. Esta impulsa a colaboración con outras institucións para ofrecer titulacións conxuntas e dobres titulacións internacionais, tanto con países do espazo do EEES, como con outras áreas estratéxicas.